
Pois case sen darnos de conta remata o curso e como última lectura eliximos libremente un exemplar de banda deseñada de entre os que mercamos para a nosa Boiroteca cos fondos do club e algún dos que xa había. As escollas foron moi variadas: manga (
Atelier of Witch Hat e Blue Period), aventuras (
Solos; Roxín Roxal, a daga do conde; Aldara, a lenda do cervo branco), natureza (
Microalgas), realidade adolescente (HearthStopper)... O que si tiveron en común é que todas foron un éxito, e nos recomendamos uns aos outros as lecturas escollidas, porque todas nos pareceron fantásticas. Ademais, gustounos moito ler cousas distintas e escoitar os comentarios e recomendacións dos demais. Tanto é así que decidimos que a nosa primeira lectura do próximo curso será novamente banda deseñada libre, porque hai que ler todas as novidades que compramos.
Fixemos un mural con todas as nosas lecturas do ano, cheo de palabras clave e puntuacións das obras, que agardemos que invite a lelas aos usuarios da biblioteca, e preparamos unha publicación para o noso Instagram (@deboirolibros) recomendándoas.
Todos e todas nos comprometimos a que en setembro continuaremos compartindo lecturas no noso club, porque aínda quedan moitas historias por descubrir.
Bo verán a todos e todas, un verán cheo de lecturas estupendas!!!