22 novembro 2023

Novo curso, novos membros, novas lecturas.

 


Xa estamos de volta! Algúns e algunhas repetimos, outros e outras decidiron abandonar o club, pero temos novas incorporacións estupendas entre o alumnado de 2º da ESO. Non puidemos escoller mellor primeira lectura, no tempo do Samaín, que Cartas de inverno, do xenial Agustín Fernández Paz, que é sempre un acerto seguro. Pareceunos un libro arrepiante, mantívonos en tensión ata o final, e cada un de nós se fixo unha imaxe mental dese terrible ser agochado baixo a trapela. 

Falamos da historia, fixemos unha sopa de letras e un xogo de preguntas e respostas, con premio para o gañador!

Eliximos a nosa próxima lectura, que estamos devecendo por ler. 

21 novembro 2023

Primeira lectura dos DeBoirolibros de Bacharelato: Todo se desmorona, de Chinua Achebe

 


De entre as opcións de préstamo que ofrecía a Biblioteca de Galicia para os clubs de lectura, os nosos DeBoirolibros seleccionaron Todo se desmorona, unha achega diferente ao tema da colonización que estudaron na materia de Historia. Pareceulles unha lectura interesante porque ofrece unha perspectiva distinta dese proceso histórico, visto dende o outro lado. É importante achegarse a outras culturas e perspectivas para enriquecer a nosa visión do sucedido, que non sempre é como nolo contaron.