A última lectura dos DeBoirolibros foi todo un éxito, porque ademais veu con sorpresa! Lemos Irene, a porteira, de Xulia Pisón e Óscar Losada, unha obra de BD que conta a historia de Irene González Basanta, a primeira muller galega que se adicou profesionalmente ao fútbol no noso país, unha historia de superación e paixón polo deporte, de compañeirismo e esforzo.
Escollemos esta lectura por dúas razóns: a primeira, porque o lema das bibliotecas escolares de Galicia para este curso é "Unha biblioteca escolar en viñetas", e queríamos participar desta homenaxe merecida á banda deseñada, porque somos firmes defensores e defensoras de que ler banda deseñada é ler; a segunda, porque sabiamos que Xulia Pisón ía visitar o noso centro, e queríamos aproveitar para facerlle unha pequena entrevista para a nosa revista escolar e intercambiar opinións con ela sobre esta obra e sobre a lectura e a escritura en xeral. Xulia tivo a amabilidade de atendernos e pasar un ratiño con nós, e foi unha experiencia estupenda!
Veredes a entrevista a final de curso, pero xa vos adiantamos que atendeu todas as nosas curiosidades sen poñer nin un pero.
Agardámosvos coa nosa próxima lectura!
DeBoirolibros.