26 marzo 2024

Subnormal, de Fernando Llor e Miguel Porto




 Os DeBoirolibros estamos a tope coa banda deseñada, e tras Irene, a porteira, seguimos pola senda do deporte con Subnormal, de Fernando Llor e Miguel Porto, que conta a historia  real do acoso escolar que sufriu o exxogador de baloncesto da ACB  Iñaki Zubizarreta. A historia de Iñaki demostra que todos somos susceptibles de padecer estes abusos, e debemos estar atentos e atentas por se a algún compañeiro ou compañeira lle pode estar pasando e non poñernos de lado. Todos e todas estivemos de acordo en que é unha historia dura, pero realista e necesaria. Na historia de Iñaki observamos comportamentos que non por coñecidos son correctos, e reflexionamos sobre o duro que tivo que ser que ningún compañeiro lle botase unha man. 

Recomendámosvos moito ler esta historia, que podedes atopar na nosa biblioteca, e preparamos entre todos uns pasatempos sobre termos importantes do relato, que poderedes atopar na revista escolar a final de curso.

Despois disto, aínda tivemos tempo de botar unhas partidiñas a algún xogo de mesa dos que temos na biblio antes de afrontar as clases da tarde. Ah! E por suposto xa eliximos a nosa próxima lectura, que xa veredes por aquí.

Boas lecturas!


12 marzo 2024

Segunda lectura dos DeBoirolibros Bach: Mocidade sen deus, de Ödön von Horváth

 


A segunda lectura do noso grupo de DeBoirolibros de Bacharelato foi unha aproximación ao avance dos totalitarismos, a imposición dun pensamento único e ás consecuencias vividas por aqueles que querían ir en contra desas liñas de pensamento. O protagonista, un mestre de escola, sufre as consecuencias de ter censurado un comentario racista dun dos seus alumnos. 

Todos e todas gozaron da lectura desta obra, que os axudou a comprender o avance do nazismo. Aproveitando a lectura, o alumnado fixo un interesante traballo de investigación sobre as asociacións xuvenís vencelladas aos movementos fascistas.