Os DeBoirolibros estamos a tope coa banda deseñada, e tras Irene, a porteira, seguimos pola senda do deporte con Subnormal, de Fernando Llor e Miguel Porto, que conta a historia real do acoso escolar que sufriu o exxogador de baloncesto da ACB Iñaki Zubizarreta. A historia de Iñaki demostra que todos somos susceptibles de padecer estes abusos, e debemos estar atentos e atentas por se a algún compañeiro ou compañeira lle pode estar pasando e non poñernos de lado. Todos e todas estivemos de acordo en que é unha historia dura, pero realista e necesaria. Na historia de Iñaki observamos comportamentos que non por coñecidos son correctos, e reflexionamos sobre o duro que tivo que ser que ningún compañeiro lle botase unha man.
Recomendámosvos moito ler esta historia, que podedes atopar na nosa biblioteca, e preparamos entre todos uns pasatempos sobre termos importantes do relato, que poderedes atopar na revista escolar a final de curso.
Despois disto, aínda tivemos tempo de botar unhas partidiñas a algún xogo de mesa dos que temos na biblio antes de afrontar as clases da tarde. Ah! E por suposto xa eliximos a nosa próxima lectura, que xa veredes por aquí.
Boas lecturas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario